Tuesday 23 de April de 2024

Galicia brinda aos químicos colaboración do laboratorio ambiental e da rede de observación para garantir unha actividade económica sostible


A Xunta brinda ao colectivo dos químicos a colaboración do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia e o apoio da Rede de observación ambiental, para garantir que a actividade económica que levan a cabo sexa sostible e respectuosa coa contorna. A conselleira de Medio Ambiente destacou que Galicia conta cun equipo humano e técnico –formado por medio centenar de traballadores- que día a día facilita información sobre a calidade do aire ou das augas naturais cun gran valor para o desenvolvemento de moitas tarefas e profesións, como é o caso dos químicos, a 668 empresas.

Ángeles Vázquez interveu en Vigo na entrega do Premio á Excelencia Química 2021 á empresa Ceamsa, entidade á que definiu como punteira “non só pola actividade que desenvolve” (a fabricación e subministro de aditivos a partir das algas mariñas), senón “tamén pola súa aposta pola innovación e a eficiencia” nos procesos produtivos.

Nese sentido, recordou o apoio do Goberno galego a través da financiación de varios proxectos: como a instalación de intercambiadores de calor, que lle permitiron reducir o seu consumo de combustibles, ou a substitución dunha enfriadora e caldeira de gas natural por equipos con maior eficiencia enerxética, co que se reduce o consumo de enerxía da planta.

Durante o acto, proxectouse en vídeo unha felicitación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen salientou que “todo o traballo e todos os produtos” de Ceamsa “están identificados coa marca da excelencia” e engadiu que o seu labor “é un brillante exemplo para o resto das empresas galegas”.